
Galicia Bilingüe di loitar contra a imposición do galego por parte das institucións e decantarse pola libre elección de cada quen na escolla do emprego do idioma. A priori parecería unha boa razón para saír a rúa a pedir a liberdade de idioma e que os mozos poidan aprender castelán, pero ¿verdadeiramente a mocedade galega non sabe falar castelán e un non pode elexir o idioma no que quere expresarse?
Non temos máis que poñer como exemplo ao Val Miñor. ¿Podemos dicir que o castelán está perdendo adeptos entre os mozos e non son quenes de empregalo? A resposta evidentemente é negativa. Podemos dicir que máis ben é o contrario. A meirande parte non é capaz de manter unha conversa con fluidez en galego cos avós e cos amigos nin tan sequera o intentan. Isto agudízase nos cascos urbanos de Baiona, Panxón, Nigrán e Gondomar. Non obstante, este fenómeno é extendible a Vigo, a Coruña, Pontevedra, etc, en definitiva, aos lugares onde a poboación está a crecer e onde podemos xa predecir o futuro, no que a lingua atinxe, este preséntase moi negro.
Paradóxicamente, neste periodo democrático estase a perder o número de galegofalantes en maior medida que cando estaba censurada a súa utilización durante o franquismo. Algo do que poden tomar nota os que levan a cabo as políticas lingüísticas, xa que algo deben estar facendo mal. Poño como exemplo sinxelo a última normativa do galego grazas/gracias estudantes/estudiantes que o único que consegue e confundir a poboación. Pero este é outro tema de debate que xa tocaremos máis adiante.
Deberíamos ter claro que o idioma que está pois nunha situación de perigo é o galego. Está nunha situación de desvantaxe con respecto ao castelán e isto é o que debe ser correxido e de ahí a necesidade de empregar todos os instrumentos que estean nas mans dos gobernantes para acadar un idioma co mesmo estatus. Aínda na mente de moita xente está que falar galego non vale para falar co médico ou con xuíz, ou que falar galego é de burros e ignorantes e que soa moito mellor falar castelán, menos bruto. O que se pretende, por tanto, coa galeguización da escola, a administración, etc é normalizar o uso do galego. Aínda que é un simil un pouco torpe sería a discriminación positiva das mulleres con respecto aos homes, os minusválidos, etc. O galego non está nas mesmas condicións que o castelán, por iso hai que impulsar o seu uso.
Os de Galicia Bilingúe faltan a verdade cando din que aquí un non pode falar castelán, o cal sería triste. pero a realidade é que aquí hai moita xente que non é capaz de expresarse en galego e sendo o idioma da nosa terra é dobremente triste. Hai que ver o galego non como un atranco, senón como unha oprtunidade de coñecer dúas linguas e poder empregalas.
Abreviando, a manifestación do sábado era unha manifestación con premisas ben confundidas ou ben terxiversadas. O que tampouco pode ser é que existan outros grupos de xentes que lles chaman fachas e que empecen a meter ostias. ¿quenes son os fachas aí? Ademais menudo favor lle fixeron aos "bilingüístas" dándolle maior repercusión á marcha e proporcionarlles ás no seus discursos.