lunes, 27 de abril de 2009

Baiona, sempre noticia

Gustaríanos pensar que o tíulo que propoñemos aquí tivese unha significación positiva, que Baiona fose sempre noticia porque diariamente o pobo crece en ideas e proxectos e os gobernantes gobernan para os cidadáns con iniciativas que ocupasen páxinas e páxinas dos xornais. Non obstante, a realidade non se acerca nin de lonxe a este ideal e en Baiona é dobremente utópico. Esta vez todos os lectores habituais dos xornais poderán botar unha gargallada - sobre todo os que non son baioneses - a conta dunha nova situación esperpéntica xerada por o novo capítulo do conflito entre o concello e a Policía Local.

Así, no Faro de Vigo apareceu publicado o sábado con ironía "Una hora al fresco", aludindo á hora de espera que teñen que facer os municipais en servizo diante do concello, pois xa non contan con chave e xa non hai quenda nocturna. Retirarlles as chaves como medida de presión vai máis en contra dos intereses dos cidadáns, ao noso enteder, que ao dos axentes, xa que que é a seguridade a que está en xogo. Máis cando a quenda nocturna, por aquilo das múltiples baixas laborais - finxidas ou non - quedou suprimida. E é que de momento non ten pasado nada grave, pero sempre poden darse todo tipo de situacións que merezan a rápida intervención da Policía Loca. Por exemplo, na madrugada do venres houbo un accidente no que, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais - só houbo que lamentar que existan peroas bébedas que empotran o coche contra vehículos estacionados e se sinten orgullosos-. Aínda aí, houbo que esperar 45 minutos para que a Garda Civil chegase ao lugar, polo que se tratara de algo máis grave dificilmente se podería obter un final plenamente satisfactorio. Só queda chamar a atención a ambas partes e que chegen xa a un acordo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario